25 mar 2019

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER - SEMANA DA PRENSA

Nas últimas semanas, as alumnas e os alumnos de 1º e 2º celebramos as seguintes conmemoracións: o Día Internacional da Muller e a Semana da Prensa.

En primeiro lugar, relacionado co Día Internacional da Muller, en 1º contamos coa visita de catro mulleres, familiares do alumnado: Diana, Conchi, Uxía e Mari. Visitaron a aula para falarnos sobre o seu traballo ou o das mulleres da súa familia. Contáronnos cousas moi interesantes e mesmo trouxeron varios obxectos relacionados cos traballos, que nos axudaron a entender mellor en que consisten. Cando remataron a súa presentación, aproveitamos para entrevistalas para Vite Televisión.

Ademais, as mulleres relacionadas cos nenos/as de 1º e 2º que quixeron participar a pesares de non poder asistir ao centro, enviaron fotografías realizando o seu traballo. Estas fotografías empregámolas para completar o mural "Mulleres" que fixemos con Diana durante a súa visita, no que escribimos palabras relacionadas coas mulleres como "fortes, valentes, libres...".

Nos próximos días, os alumnos/as de 1º e 2º da área Valores Sociais e Cívicos, elaborarán unha pequena exposición no corredor titulada "Mulleres que fixeron historia", na que traballaremos sobre quince mulleres que marcaron e cambiaron a historia do mundo. Pronto amosaremos no blogue o resultado!

Por outra banda, en relación á Semana da Prensa, o alumnado de ámbolos cursos fixémonos pasar por xornalistas de Vite Televisión, "o programa que os nenos e nenas de 1º e 2º facemos con ilusión". Os nenos/as de 1º fixeron unha noticia tanto en vídeo como escrita sobre a celebración do Día Internacional da Muller, mentres que os/as de 2º fixeron unha reportaxe para o telexornal sobre o Entroido, no que entrevistaron ao alumnado de 3 anos, ao de 1º e ao de 6º, así como ao profe Julio.

Así mesmo, os nenos/as de 2º tiveron unha visita tamén moi especial, pois a xornalista da TVG Alba Mancebo acudiu á aula para explicarlles como traballan na televisión.

Foron uns días de moito traballo, pero pagou a pena, xa que aprendemos e desfrutamos moito.

A continuación, amosamos as dúas reportaxes de Vite Televisión e varias fotografía das visitas e do mural.

Moitas grazas a todas as súper mulleres que participaron nestas actividades!





                                     









No hay comentarios:

Publicar un comentario